Unhas
palabras dende a bancada...
“Ei, pero esa camiseta de que equipo é?”, díxome un compañeiro da escola xusto
antes de comezar o partidiño do recreo. Eu levaba a camisola de José Antonio,
que era o porteiro do equipo da miña vila: o Sigüeiro Fútbol Club.
Evidentemente, aquela camisola non ma tiña regalado o propio José Antonio ao
rematar un encontro, nin a mercara na tenda oficial do club; era unha camisola
de manga longa con codeiras que fora mercada nunha tenda de deportes de Ordes,
a semana anterior, e á que a miña nai se encargara de coserlle un escudo do
Sigüeiro que lle arrancaramos a unha das vellas equipaxes que o presidente
aínda gardaba no soto da súa casa. Non era unha camisola de última moda, era
unha camisola caseira, e que? O sorriso non me collía na cara cada vez que a
vestía, era a camisola do equipo dos meus amores… Os rapaces da escola levaban
a camisola do Madrid, a do Barça, a do Celta ou a do Dépor e eu ía ataviado coa
do equipo da miña vila, sen ningún tipo de complexo, porque entendía que o
fútbol é ás veces un sentimento e que para min non dependía dos millóns de
pesetas que cada club tivera na conta corrente do banco.
Aquel neno non
sabía cal era o equipo daquela camisa e eu non acreditaba. Non comprendía coma
vivindo na mesma vila e gustándolle o fútbol, non podía terlle o mesmo cariño
que lle eu tiña a aquel escudo…
Tamén me lembro do
día que lle ensinei aquela camisola ao propio José Antonio; facíalle máis
ilusión a el que a levara posta que a min. E é que isto vai de ilusión, da
ilusión por substituír as moreas de cartos por esforzo e traballo, para que
cada recuncho do noso país poida gozar do fútbol máis modesto, do fútbol máis
noso.
Co paso dos anos
fun coñecendo a moita xente deste mundiño e pouco a pouco dinme conta de que o
amor que lle teño eu ao Sigüeiro FC é o mesmo que lle ten David ao Tordoia,
Manu ao Villestro ou Fernando ao Calo… É que isto move a milleiros de persoas e
é un espello do que somos; por iso nace “A
Nosa Liga”, coma reflexo de nós mesmos.
Perico
Balado.
Afeccionado
ao fútbol rexional.
No hay comentarios:
Publicar un comentario